image1 image1 image1

Estatutos

 

SOCIEDADE GALEGA PARA A PROMOCIÓN DA ESTATÍSTICA E DA INVESTIGACIÓN DE OPERACIÓNS

ESTATUTOS-Setembro 2015

 

CAPÍTULO I

DA ASOCIACIÓN EN XERAL

 

Artigo 1. REGULACIÓN

1.1. Procédese a adaptar os estatutos da asociación sen ánimo de lucro denominada “SOCIEDADE GALEGA PARA A PROMOCIÓN DA ESTATÍSTICA E DA INVESTIGACIÓN DE OPERACIÓNS (SGAPEIO)”, con nº de inscrición no Rexistro provincial 3.231, de asociacións sen ánimo de lucro, e CIF G15407117.

1.2. A asociación rexerase polos devanditos estatutos, pola Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociacións e pola demais lexislación existente en materia de asociacións que lle sexa aplicable.

1.3. A asociación rexerase segundo os principios democráticos contidos no marco da Constitución e o resto do ordenamento xurídico.

 

Artigo 2. NOME, DOMICILIO SOCIAL E ÁMBITO TERRITORIAL

2.1. O nome desta organización é Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións.

2.2. O domicilio social principal e permanente desta asociación está no Departamento de Estatística e Investigación Operativa da Universidade de Santiago de Compostela (sito na Facultade de Matemáticas, Campus Vida, 15782 Santiago de Compostela).

2.3. A asociación exercerá fundamentalmente a súa actividade no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

 

Artigo 3. OBXECTIVOS

3.1. Esta asociación é unha organización autónoma que ten como obxectivo principal a promoción, difusión e divulgación dos métodos e aplicacións da Estatística e da Investigación de Operacións no ámbito galego.

3.2. Con esta finalidade, a asociación organiza Congresos Ordinarios e outras Reunións Científicas, organiza cursos de formación, edita boletíns de información, potencia intercambios nacionais e internacionais, fomenta a relación entre as Universidades galegas e os sectores público e privado, estimula a investigación e difúndea, e en xeral, pon a Estatística e a Investigación de Operacións ó servicio da Ciencia e da Sociedade.

3.3. Os beneficios que se obteñan por calquera concepto destinaranse exclusivamente ao cumprimento destes fins, sen que se poidan repartir entre os asociados nin entre outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.

3.4. Esta asociación pode integrarse naquelas Federacións de Sociedades, nacionais e internacionais, que sexan compatibles cos seus Estatutos e faciliten a consecución dos seus obxectivos.

 

CAPÍTULO II

DOS ASOCIADOS

 

Artigo 4. DOS ASOCIADOS

4.1. A condición de asociado e asociada adquírese mediante solicitude de admisión dirixida ó Consello Executivo e acordo favorable deste.

4.2. Os asociados e asociadas poden ser individuais ou institucionais. Os asociados e asociadas institucionais deberán firmar coa asociación un convenio que especifique as bases da súa colaboración con ela.

4.3. O Consello Executivo pode propor á Asemblea Xeral o nomeamento de asociados e asociadas de Honra para aquelas persoas que contribuíran notoriamente á consecución dos obxectivos da asociación.

4.4. Tódolos asociados e asociadas teñen voz e voto nas Asembleas Xerais. Os asociados institucionais poderán acreditar perante a asociación, en cada Asemblea, á persoa en quen delegan esta función.

4.5. Os asociados e asociadas individuais satisfacen unha cota anual decidida pola Asemblea Xeral. Os asociados e asociadas institucionais satisfacen a cota que anualmente se estipule en función do seu convenio coa asociación.

4.6. A condición de asociado pérdese:

  1. Por vontade propia.
  2. Por falta de pago de 4 cotas. A expulsión de asociados e asociadas neste suposto, será acordada polo Consello Executivo, logo da audiencia do interesado. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral e contra a súa resolución poderase recorrer ante a xurisdición ordinaria.
  3. Por falecemento da persoa física ou extinción da persoa xurídica.

4.7. Os asociados e asociadas teñen os seguintes dereitos:

a) Participar nas actividades da asociación e nos órganos de goberno e representación, exercer o dereito de voto, así como asistir á Asemblea Xeral, de acordo cos estatutos.

b) Ser informado da composición dos órganos de goberno e representación da asociación, o seu estado de contas e do desenvolvemento da súa actividade.

c) Ser oído con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra el e ser informado dos feitos que dean lugar ás ditas medidas, debendo motivarse o acordo que, no seu caso, impoña a sanción.

d) Impugnar os acordos dos órganos da asociación que estime contrarios á lei ou aos estatutos.

Os asociados e asociadas honorarios non intervirán na dirección da asociación nin nos órganos de representación dela. Os asociados e asociadas honorarios están facultados para asistir ás asembleas xerais con voz, pero sen voto.

 

CAPÍTULO III

DOS ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN

 

Artigo 5. ORGANIZACIÓN

5.1. O tempo entre dous Congresos Ordinarios consecutivos non excederá de tres anos.

5.2. A asociación é rexida e administrada pola Asemblea Xeral e o Consello Executivo co apoio do Consello Asesor.

5.3. A Asemblea Xeral é o órgano máximo de decisión da asociación. A Asemblea Xeral ordinaria é convocada polo Consello Executivo alomenos unha vez cada ano. Celébrase Asemblea extraordinaria cando o solicita un mínimo do vinte por cento dos membros da asociación ou cando o Consello Executivo o considere necesario. A Asemblea Xeral quedará validamente constituída sempre que concorran a metade máis un dos asociados na primeira convocatoria ou transcorrida media hora en segunda convocatoria, con calquera número de asistentes pero, en todo caso, coa presenza do presidente ou vicepresidente e o secretario ou persoa que o substitúa. A Asemblea Xeral toma as súas decisións por maioría simple dos membros presentes sobre os temas incluídos na súa convocatoria. O Consello Executivo convoca as Asembleas Xerais cun mínimo de trinta días de antelación e inclúe na convocatoria calquera tema suxerido por alomenos o dez por cento dos membros da asociación.

Serán competencias da Asemblea Xeral:

a) Aprobar o plan de actividades.

b) Examinar e aprobar as contas e balances do exercicio anterior.

c) Aprobar os orzamentos de ingresos e gastos para cada exercicio.

d) Exame e aprobación das cotas.

e) Modificar os estatutos da asociación.

f) Aprobar a federación con outras asociacións.

 

5.4. O Consello Executivo é o máximo órgano de decisión entre Asembleas Xerais e exerce as súas funcións dende a súa constitución ata a constitución do seguinte Consello Executivo. Está constituído por un Presidente, un Vicepresidente de Estatística, un Vicepresidente de Investigación de Operacións, un Secretario Xeral e seis Vocais. O Consello Executivo toma as súas decisións por maioría simple dos seus membros presentes e outorga ao seu Presidente voto de calidade. O Presidente convocará ao Consello Executivo alomenos cada seis meses e sempre que o soliciten dous dos seus membros. A orde do día incluirá calquera tema suxerido por algún dos seus membros.

Os cargos que compoñen o Consello Executivo serán desempeñados de forma gratuíta, sen prexuízo do dereito a ser reembolsados dos gastos debidamente xustificados en que poidan incorrer por actuacións relacionadas coa asociación. As persoas elixidas para estes cargos deberán carecer de interese económico nos resultados da actividade levada a cabo pola asociación.

O Consello Executivo terá as seguintes atribucións:

a) Programar e dirixir as actividades asociativas.

b) Levar a xestión administrativa e económica da asociación.

c) Someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior.

d) Convocar e fixar a data da Asemblea Xeral.

e) Propoñer á Asemblea Xeral a fixación de cotas ordinarias e extraordinarias para os asociados.

f) Designar as comisións de traballo ou seccións que se estimen oportunas para o bo funcionamento da asociación.

g) Ditar normas interiores de organización e exercer cantas funcións non estean expresamente asignadas á Asemblea Xeral.

h) Resolver sobre as solicitudes de ingreso de novos asociados.

i) Propoñer o plan de actividades da asociación á Asemblea Xeral para a súa aprobación, impulsando e dirixindo as súas tarefas.

j) Resolver os procedementos disciplinarios que se instrúan.

k) Aquelas que non veñan atribuídas expresamente a outro órgano da asociación.

Para que os acordos do Consello Executivo sexan válidos, será necesaria a concorrencia, polo menos, da metade máis un dos seus membros e, en todo caso, do Presidente ou Vicepresidente e o Secretario ou persoa que o substitúa. O Secretario ou, no seu defecto, o vocal que o substitúa, levantará acta das sesións, que se transcribirá ao libro de actas.

5.5. O Consello Asesor é un órgano consultivo da asociación que se pode reunir co Consello Executivo, a petición deste. O Consello Asesor pode estar composto por un representante de cada membro institucional da asociación así como calquera outra persoa designada polo Consello Executivo.

5.6. O Presidente ostenta a máxima representación da asociación. Na súa ausencia designará a un dos Vicepresidentes para sustituílo. O Presidente terá as seguintes atribucións:

  1. Representar a asociación diante de calquera organismo público ou privado.
  2. Convocar e presidir as sesións que celebre o Consello Executivo; presidir as sesións da Asemblea Xeral; dirixir as deliberacións dunha e outra, decidindo con voto de calidade, en caso de empate.
  3. Executar os acordos adoptados polo Consello Executivo e a Asemblea Xeral.
  4. Ordenar os pagamentos acordados validamente.
  5. Asinar as actas, certificados, pagos e outros documentos da asociación xunto co Secretario ou membro do Consello Executivo a quen lle corresponda a elaboración do documento de que se trate.

 

5.7. O Secretario Xeral é o responsable do funcionamento administrativo da asociación e actúa como Secretario nas Asembleas Xerais e nas sesións do Consello Executivo. É un cargo de confianza do Presidente, nomeado por el para o período do seu mandato, e percibe a gratificación prevista nos presupostos anuais da asociación. O Secretario Xeral ten a obriga de proceder ao peche do exercicio orzamentario antes do 15 de decembro, co fin de que as contas estean a disposición dos membros da asociación nos quince días anteriores á celebración da Asemblea Ordinaria.

5.8. Os vogais terán as seguintes atribucións:

  1. Realizar programas e propostas na súa área de actuación.
  2. Desempeñar os traballos que lle sexan encomendados polo Consello Executivo.

 

5.9. A proposta do Consello Executivo, a Asemblea Xeral pode nomear un único Presidente de Honra. Sempre que a asociación teña un Presidente de Honra, este será membro do Consello Asesor.

 

Artigo 6. MÉTODOS DE ELECCIÓN

6.1. O tempo de mandato do Consello Executivo electo será, como máximo, de catro anos. O cargo de Presidente non poderá ser ostentado pola mesma persoa durante mais de oito anos consecutivos.

6.2. As eleccións a membros do Consello Executivo realizaranse durante unha Asemblea Xeral sobre unha lista de candidatos proclamada cun mínimo de trinta días de anticipación polo Consello Executivo. Tódolos membros da asociación teñen dereito a un voto. No caso dos membros individuais dito voto non pode ser delegado.

6.3. Tódolos membros individuais da asociación son elixibles para calquera cargo, coa única limitación expresada no punto 1 do presente Artigo. O Consello Executivo proclamará candidatos a todos aqueles membros propostos por alomenos cinco membros da asociación.

6.4. No marco da Asemblea Xeral elíxense os dez membros de que consta o Consello Executivo por medio dun sistema de listas abertas. Para isto, confeccionaranse papeletas contendo cada unha os nomes e DNI de tódolos candidatos proclamados. Cada elector pode marcar un máximo de sete candidatos na devandita papeleta. Os empates resólvense dando prioridade ó candidato de máis antigüidade como membro da asociación e, de persistir o empate, procederase por sorteo.

6.5. O Presidente saínte convocará a primeira reunión do Consello Executivo entrante que se celebrará no prazo máximo dun mes dende a data das eleccións. En dita reunión, que será presidida polo membro de maior idade e terá por secretario ó membro máis novo, constituirase o novo Consello Executivo e elixiranse os cargos unipersoais.

6.6. No transcurso de dita reunión e despois do correspondente debate, procederase á votación secreta para a elección do Presidente. Cada membro do Consello Executivo dará o seu voto a un máximo de dous dos seus membros. O membro con maior número de votos resultará elixido. En caso de empate, celebrarase unha segunda volta, na que soamente se poderá otorgar o voto a un dos membros máis votados, resultando elixido o membro con maior número de votos. De persistir o empate, será elixido o membro máis antigo na asociación e, caso de manterse o empate, procederase por sorteo.

6.7. Inmediatamente despois de ser elixido o Presidente, o Consello Executivo elixirá ós Vicepresidentes de Estatística e de Investigación de Operacións de entre os nove membros restantes. A elección realizarase comezando por unha das dúas Vicepresidencias, a designar polo Presidente, e seguindo o mesmo sistema que para a elección do Presidente. Despois procederase a elixir ó outro Vicepresidente. O Presidente designará ó Secretario Xeral, no prazo máximo dun mes, de entre os membros do Consello Executivo, podendo recaer este cargo mesmo nun dos Vicepresidentes.

6.8. No caso de que se produza algunha vacante no Consello Executivo, esta cubrirase co candidato máis votado nas últimas eleccións de entre aqueles que, téndose presentado, non foran membros do Consello Executivo. Se se esgotase esta lista de candidatos, as sucesivas vacantes non serían cubertas. Se, deste xeito, o Consello Executivo chegase a ter menos de cinco membros, convocaranse eleccións a un novo Consello Executivo, no prazo máximo dun mes, dacordo cos puntos segundo, terceiro e cuarto do presente Artigo.

6.9. A Asemblea Xeral pode promover unha moción de censura ó Consello Executivo. Dita moción debe conter unha proposta de Comisión Xestora. De prosperar a moción, o Consello Executivo cesa nas súas funcións e a Comisión Xestora convoca eleccións ó Consello Executivo nun prazo máximo de tres meses.

 

Artigo 7. PUBLICACIÓNS

7.1. A Sociedade pode publicar Series Monográficas de artigos de investigación. A tal efecto, o Consello Executivo designará, de entre os membros da Sociedade que destaquen polos seus méritos científicos, coordinadores encargados de seleccionar os artigos das distintas disciplinas. Deberá haber alomenos un coordinador de artigos de Estatística e un de artigos de Investigación de Operacións.

7.2. SGAPEIO publicará na súa páxina web os estatutos e a lista de cargos da Sociedade.

7.3. A Sociedade publicará na súa páxina web un boletín, confeccionado polo Consello Executivo, que recolle información relevante. En particular, o boletín incluirá reseñas de actividades realizadas pola asociación e artigos divulgativos. Tamén enviará a tódolos membros un botetín periódico por correo electrónico, con anuncios relacionados coa Estatística ou a Investigación Operativa (cursos congresos, ofertas de emprego, ...) e acordos do Consello Executivo.

7.4. O Consello Executivo ou o/s membro/s no/s quen/es delegue coordina os aspectos técnicos da edición de tódalas publicacións da Sociedade e responsabilízase da súa edición, impresión (se procede) e distribución.

 

CAPÍTULO IV

RÉXIME ECONÓMICO

 

Artigo 8. FINANCIACIÓN

8.1. A asociación dispón dun patrimonio de 25.115,48 euros (a 31 de decembro de 2014). O peche do exercicio económico coincidirá co do ano natural.

8.2. A efectos económicos, a asociación utiliza como unidade o ano natural. O Secretario Xeral someterá á aprobación da Asemblea Xeral o balance correspondente ao exercicio anterior e os orzamentos previstos para o entrante, os dous con partidas diferenciadas de ingresos e gastos.

8.3. Os recursos da asociación están constituídos polas cotas de tódolos seus membros, os ingresos obtidos pola execución de proxectos específicos, o resultado de subvencións e doazóns e calquera outro ingreso extraordinario admitido pola normativa vixente para actividades non lucrativas.

8.4. A Asemblea Xeral Ordinaria, a proposta do Consello Executivo, aprobará tanto cotas ordinarias como as extraordinarias que non serán reintegrables en ningún caso. O recadado dedicarase a atender as necesidades da asociación.

8.5. A asociación financiará os gastos de administración que o Consello Executivo estime necesarios, os gastos de edición das súas publicacións e os gastos de desprazamento dos membros do Consello Executivo, dende o seu lugar de residencia, para as reunións que este celebre.

8.6. Para a disposición de fondos das contas que a asociación ten nas entidades bancarias será necesaria a sinatura do Presidente, ou do Secretario Xeral, ou daquela persoa ou persoas autorizadas para iso polo Consello Executivo.

8.7. Como entidade sen ánimo de lucro, en ningún caso poderán ser distribuídos entre os asociados e asociadas os recursos obtidos pola asociación.

 

CAPÍTULO V

MODIFICACIÓN DE ESTATUTOS E DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN

 

Artigo 9. MODIFICACIÓNS ESTATUTARIAS

9.1. Tanto a Asemblea Xeral como o Consello Executivo poden propor modificacións ós Estatutos vixentes. Neste caso, o Consello Executivo organizará, nun prazo máximo de dous meses, unha Asemblea Xeral na que se someterá a referendum a incorporación das modificacións propostas. Ditas modificacións serán aceptadas sempre que a porcentaxe de votos afirmativos, de entre os emitidos, sexa superior ó 66%, e que o total de votos emitidos supere un tercio dos membros da asociación.

9.2. Os aspectos non regulados especificamente nos Estatutos vixentes son regulamentados polo Consello Executivo, que informa diso á Asemblea Xeral.

9.3. A asociación constitúese por tempo indefinido e só pode ser disolta mediante o procedemento previsto para a modificación dos Estatutos, pola vontade dos asociados expresada en Asemblea Xeral Extraordinaria ou polas causas previstas na lexislación vixente. Neste caso, o seu patrimonio, unha vez liquidadas as obrigas contraídas, será adicado a fins científicos ou culturais.

 

2017  SGAPEIO   globbers joomla templates