Novas SGAPEIO 15-maio-2013

1.- III Fase Nacional da Incubadora
A Sociedad de Estadística e Investigación Operativa (SEIO) convoca a III Fase Nacional dos concursos tipo "Incubadora de Sondeos y Experimentos", que está organizada pola SGAPEIO e terá lugar en Santiago de Compostela os días 3 e 4 de xullo de 2013.
O programa das xornadas inclúe un acto de presentación do Ano Internacional da Estatística. Máis información na web da SGAPEIO: www.sgapeio.es

2.- Palabrario estatístico de educaBarrié
Os dous termos estatísticos que se engadiron ao Palabrario de educaBarrié nesta semana son:
- Estatística pública, definido por Carlos L. Iglesias Patiño.
- Teoría de colas, definido por Silvia Lorenzo Freire.
Páxina web: http://www.educabarrie.org/gl/palabrario

3.- Billete conmemorativo do Ano Internacional da Estatística
Con motivo do Ano Internacional da Estatística, e a fin de concienciar á sociedade da importancia da Estatística e da súa omnipresencia en tódolos aspectos do coñecemento, a Sociedad de Estadística e Investigación Operativa (SEIO) chegou a un acordo coa Sociedad Estatal Loterías (Selae) para emitir un billete de Lotería Nacional conmemorativo deste evento. O sorteo terá lugar o día 25 de maio de 2013.

4.- I Encontros de Educación Matemática para Infantil e Primaria
Os I Encontros de Educación Matemática para Infantil e Primaria de AGAPEMA celebraranse o sábado 28 de setembro de 2013 na Facultade de Ciencias da Educación, no Campus Sur da USC. A inscrición será de balde para todos os/as asistentes, contando cunha homologación de 8 horas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Máis información: http://www.agapema.org/?q=node/230

5.- Premio en Estatística Oficial 2013
O Instituto Nacional de Estadística convoca o Premio en Estatística Oficial 2013 "Premios iNE, Eduardo García España" (BOE de 2 de maio de 2013) en colaboración coa Sociedad de Estadística e Investigación Operativa (SEIO) no marco do Congreso Nacional de Estadística e Investigación Operativa e as Jornadas de Estadística Pública que se celebrarán conxuntamente dentro das actividades da SEIO.
Máis información: http://www.boe.es/boe/dias/2013/05/02/pdfs/BOE-A-2013-4648.pdf

6.- XI Concurso STUDENT de Estatística Aplicada
O Servei d'Estadística Aplicada da Universitat Autònoma de Barcelona convoca a XI edición do Concurso STUDENT de Estatística Aplicada.
Poderán optar ao concurso tódolos estudantes de primeiro e segundo ciclo (diplomatura, licenciatura ou enxeñería), estudantes de grao ou de máster que estean matriculados este curso académico 2012-13 en calquera universidade do Estado Español. Os aspirantes deberán afrontar a análise dun conxunto de datos, enmarcado nun problema real, para o que terán que propoñer unha solución. O contido do traballo deberá ser inédito e de temática libre. Outorgaranse tres premios:
- Premio Idescat ao mellor traballo de máster: dotación económica de 500 €.
- Premio SEA ao mellor traballo de grao: dotación económica de 500 €.
- Premio Almirall ao mellor traballo en bioestatística: dotación económica de 500 €.
Data límite para enviar os traballos: 10 de setembro de 2013.
Máis información: http://goo.gl/cbnw4

2018  SGAPEIO   globbers joomla templates