A doutoranda do Dpto. de Estatística e Investigación Operativa, María Oliveira Pérez, vén de recibir o premio á mellor investigadora novel na XIV Conferencia Española de Biometría, celebrada do 22 ao 24 de maio en Ciudad Real.

No traballo “Study of crack distribution around cemented femoral components using nonparametric circular methods” analízase o patrón de distribución das microfracturas producidas en próteses de cadeira cementadas, a partir de datos obtidos dun estudo in vitro realizado na Upstate Medical University de Nova York. A principal contribución de Oliveira consiste no deseño e implementación dunha ferramenta exploratoria para a análise de datos circulares que permite a identificación de direccións preferentes de fractura.

Esta contribución forma parte da tese doutoral que María Oliveira está a realizar baixo a dirección dos profesores Rosa M. Crujeiras e Alberto Rodríguez, e que se centra no estudo de técnicas estatísticas nonparamétricas para a análise de datos circulares.

A conferencia é un dos eventos bianuais organizados pola Sociedad Española de Biometría, delegación da International Biometric Society, cuxos obxectivos son impulsar e difundir o desenvolvemento e aplicación de métodos estatísticos e matemáticos en bioloxía, medicina, psicoloxía, farmacoloxía e agricultura, entre outras áreas.

Ligazón á conferencia: biometria2013

Ligazón ao dpto.: http://eio.usc.es/

2017  SGAPEIO   globbers joomla templates