Novas SGAPEIO 1 outubro 2014

1.- Curso de introdución a R: Software libre para PEMES
A SGAPEIO decidiu aprazar a realización do curso de Introdución a R: software estatístico libre para PEMES, debido a que o número de inscritos non acadou o mínimo necesario. Avisaremos das novas datas.

2.- Xornada de formación para elaborar proxectos de estatística
Lembramos que a SGAPEIO e a Asociación Galega de Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA), en colaboración con educaBarrié, organizan unha Xornada de formación para elaborar proxectos de estatística. Aplicación á Incubadora. Esta xornada, que da continuidade á xornada sobre o ensino da Estatística celebrada en novembro de 2013, está dirixida a profesores de ESO e Bacharelato e vaise impartir en dúas edicións, unha na Coruña e outra en Vigo. Esta actividade, que conta coa homologación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, inclúe exposición de experiencias, obradoiros, unha conferencia e unha ponencia práctica sobre a elaboración de traballos para presentar á Incubadora.
- Lugar: A Coruña e Vigo nas sedes da Fundación Barrié.
- Datas:
- A Coruña: 15 de novembro de 2014.
- Vigo: 29 de novembro de 2014.
- Horario: 9:30 - 14:00 e 15:30 - 19:30.
O programa detallado e o formulario de inscrición están na páxina web da SGAPEIO (www.sgapeio.es) . O prazo de inscrición remata o 31 de outubro de 2014.

3.- I Encontro Luso-Galaico de Estatística no Medio Ambiente e na Ecoloxía
Ampliouse ata o 10 de outubro o prazo de inscrición a prezo reducido no I Encontro Luso-Galaico de Estatística no Medio Ambiente e na Ecoloxía, EES 2014, que terá lugar en Vila Real, na Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, do 6 ao 8 de novembro de 2014.
Este encontro temático está organizado pola Sociedade Portuguesa de Estatística (SPE) e pola Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións (SGAPEIO) co apoio do Centro de Investigação e de Tecnologias Agroambientais e Biológicas (CITAB), Centro de Matemática da UTAD (CM-UTAD), Centro de Estatística e Aplicações da Universidade de Lisboa (CEAUL) e Centro de Matemática da Universidade do Minho (CMAT). Máis información: http://eio.usc.es/pub/ees2014/index.php/gl

4.- Curso de Estatística con R para profesorado de Ensino Medio
A Universidade de Vigo organiza o curso “Estatística con R para Profesorado de Ensino Medio” homologado pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia como actividade de formación do profesorado. O curso é totalmente non presencial para que poda ser realizado en horario libre e desde calquera lugar, de xeito compatible con outra actividade. A Universidade de Vigo valida 2,5 créditos de libre elección para os seus estudantes.

- Importe da matrícula: 125 € (90 € parados, estudantes e socios de SGAPEIO).
- Período de matrícula: do 1 ao 25 de outubro de 2014.
- Período de docencia: do 1 ao 30 de novembro de 2014.
Non se precisa ter un nivel elevado de Estatística ou coñecer previamente o programa R, aínda que sen dúbida eses coñecementos poden aumentar o rendemento do alumno. O curso é eminentemente práctico e aplicado, e vaise facer de xeito virtual mediante secuenciación das unidades didácticas a traveso de Faitic, a plataforma de teledocencia da Universidade de Vigo.
Máis información: https://bubela.uvigo.es/curso/2349

5.- II Xornadas Virtuais en Didáctica da Estatística, Probabilidade e Combinatoria
O Grupo de Investigación en Didáctica da Estatística, Probabilidade e Combinatoria da Sociedad Española de Investigación en Educación Matemática (SEIEM) e o Grupo de Educación Estatística da Universidad de Granada organizan as “Segundas Xornadas Virtuais en Didáctica da Estatística, Probabilidade e Combinatoria”, que se celebrarán de maneira virtual do 10 ao 12 de abril de 2015.
Máis información: http://www.jvdiesproyco.es

6.- Convocatoria de contrato na UDC
Convocatoria de contratación de persoal na Universidade da Coruña:
- Título: Desenvolvemento de solucións intelixentes para unha loxística verde (SIGSOL)
-Programa Conecta Peme.
- Referencia: IN852A 2014/17.
- Investigador principal: Ignacio García Jurado.
- Tarefas a realizar: Colaborar nas tarefas de modelización e resolución matemática dos problemas de optimización asociados ao deseño dunha operativa de transporte de elementos eólicos. Colaborar na implementación dos algoritmos obtidos e na comprobación experimental dos modelos, métodos e programas.
- Xustificación da duración do contrato: O candidato seleccionado dedicará dous meses a participar nas tarefas de modelización e resolución matemática, tres meses a participar na implementación dos algoritmos deseñados e tres meses á comprobación experimental dos modelos, métodos e programas.
Requisitos dos candidatos:
- Licenciado, graduado ou enxeñeiro.
- Valorarase ter un mestrado en estatística, investigación de operación ou áreas análogas.
- Coñecementos de linguaxes de programación.
- Coñecementos de técnicas de programación matemática.
- Non ter vinculación laboral coa Universidade dá Coruña nin a ter tido nos dous últimos anos.
Criterios e valoración de méritos:
- Expediente académico da titulación superior (máximo 2 puntos). Neste apartado precísase obter polo menos 0.5 puntos sobre 2.
- Expediente académico do mestrado (máximo 1 punto). Neste apartado precísase obter polo menos 0.25 puntos sobre 1.
- Publicacións e outros méritos de investigación e práctica profesional relacionados coas tarefas a realizar (máximo 3 puntos).
- Entrevista persoal, no caso de considerarse necesaria (máximo 4 puntos).
Prazo de presentación de solicitudes: 10 días dende a publicación da convocatoria no páxina web da UDC (30/09/2014).
Máis información: http://eio.usc.es/pub/mte/descargas/2014-CP-113.pdf

7.- Bolsas do Centro de Investigaciones Sociológicas
O Centro de Investigaciones Sociológicas convoca sete bolsas destinadas a titulados superiores universitarios para a formación en métodos e técnicas empregados na investigación social aplicada (BOE nº 233 do 25 de setembro de 2014). Presentación de solicitudes: ata o 10 de outubro de 2014.
Máis información: http://www.boe.es/boe/dias/2014/09/25/pdfs/BOE-A-2014-9736.pdf

2017  SGAPEIO   globbers joomla templates