Curso non presencial da Universidade de Vigo “Estatística Avanzada con ‘ R’ para Profesionais da Saúde”

Está aberto ata o 27 de maio a inscrición no Curso de Formación da Universidade de Vigo “Estatística Avanzada con ‘ R’ para Profesionais da Saúde”, totalmente non presencial para que os titulados deste ámbito (ou estudantes universitarios de último curso) poidan seguilo en horario libre e desde calquera lugar de modo compatible coa súa actividade. O curso realizarase desde o 1 de xuño ata o 15 de xullo de 2018.

O programa estatístico R é totalmente gratuíto e pódese instalar libremente en calquera computador e sistema operativo. Converteuse en poucos anos no programa estatístico de uso xeral máis potente e versátil, con gran diferenza sobre calquera outro programa existente. A comunidade estatística mundial colabora de forma desinteresada co proxecto R (R Project), e miles de investigadores achegan constantemente rutinas e utilidades aplicables a todos os campos, incluído o ámbito da saúde.

O curso inclúe algunhas das técnicas estatísticas avanzadas máis utilizadas na investigación médica: análise de supervivencia, deseños de investigación, meta-análise, regresión de Cox, regresión de Poisson, regresión ordinal, regresión loxística multinomial, con datos e exemplos paso a paso, alcanzables para usuarios non expertos. Non é necesario ter un nivel elevado de Estatística ou coñecer previamente o programa R, aínda que sen dúbida eses coñecementos poden aumentar o rendemento do alumno. É eminentemente práctico e aplicado, e realizarase de forma virtual mediante secuenciación das unidades didácticas e tarefas a través de Faitic, a plataforma de teledocencia da Universidade de Vigo.

Este curso ten concedido o recoñecemento da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia como actividade de formación continua (5,3 créditos) para todos os profesionais sanitarios titulados. Ese recoñecemento é válido para todo o sistema nacional da saúde.

Custo da matrícula 125 euros (parados/estudantes 90 euros).

Máis información e inscrición en: https:// bubela. uvigo.es/curso/3241

2018  SGAPEIO   globbers joomla templates