Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo da Real Academia Galega de Ciencias

A REAL ACADEMIA GALEGA DE CIENCIAS fai pública a convocatoria dos Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo correspondente ao ano 2018, co obxecto de promover a investigación e o desenvolvemento nas áreas de coñecemento integradas na Academia, a través do recoñecemento académico e social do esforzo dos investigadores. A presente convocatoria axustarase ás seguintes bases:

 

  • Institúense dous premios: un, dotado con 6.000 €, para un Traballo de Investigación realizado por investigadores sénior e outro, dotado con 2.000 €, para incentivar a Promoción de Mozos Investigadores menores de 28 anos.
  • Poderán presentarse traballos realizados en Galicia. Os traballos tratarán sobre temas ou aspectos relacionados coas áreas temáticas seguintes: Matemáticas, Física, Física do Cosmos, Química, Xeoloxía, Bioloxía, Farmacia, Ciencias Sociais, Económicas e Ciencias Técnicas.
  • En ambas as modalidades poderanse presentar traballos publicados a partir do 1 de xaneiro de 2018, traballos aceptados para a súa publicación ou traballos inéditos. En todos os casos os traballos adoptarán a forma utilizada para publicacións en revistas científicas. Non poderán presentarse traballos que obtivesen premios de características análogas a estes ou se atopen concorrendo a eles. Aqueles traballos que resulten gañadores ou ben reciban unha mención especial, non poderán concorrer a ningún outro premio de características análogas a estes ata o momento en que se proceda ao acto público de entrega dos premios e mencións.
  • Poderán tomar parte no concurso graduados, licenciados, enxeñeiros e doutores. No caso do Premio de Investigación, polo menos un dos autores deberá estar en posesión do título de Doutor. O Premio para Promoción de Mozos Investigadores poderá ser solicitado unicamente por Investigadores que aínda non cumprisen os 28 años o día que finaliza o prazo da convocatoria e que dispoñan da pertinente autorización dos restantes autores, se os houbese, no caso de traballos xa publicados ou aceptados para a súa publicación. Só se poderá optar a un dos dous premios convocados. Os Académicos Numerarios e Correspondentes da Real Academia Galega de Ciencias non poderán participar no concurso.
  • O prazo da convocatoria finalizará ás 13.00 horas do 18 de Xuño de 2018.
  • A participación na convocatoria farase de modo telemático. Para iso, os interesados:
    - Cumprimentarán un formulario que poderán descargar na páxina web da RAGC (www.ragc.gal).
    - Xunto ao formulario achegarán un ficheiro en formato pdf, contendo o traballo. O ficheiro terá por nome o lema elixido (máximo tres palabras). O texto estará escrito en lingua galega ou castelá, cunha extensión máxima de 70 páxinas, incluíndo figuras e táboas. Na primeira páxina só se indicará o título do traballo, a área na que se desexa concursar, o tipo de premio ao que se opta (Premio de Investigación ou Mozos Investigadores) e o lema elixido. Non figurará firma nin indicación algunha que permita a identificación dos seus autores.
    - Co formulario achegarase, ademais, un segundo ficheiro, tamén en formato pdf, cuxo nome será o mesmo, ampliado coa palabra plica. Nel figurarán o título do traballo e o lema que permita identificalo. Incluiranse, ademais, o nome ou nomes dos autores, dirección de traballo, correo electrónico e teléfono, copia do NIF por ambas as caras e a referencia da publicación se se trata dun traballo publicado ou aceptado.
  • Unha vez cumprimentado o formulario debe remitirse a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., achegando os arquivos anteriores. Para a aclaración de calquera dúbida, os interesados poden dirixirse á Secretaría, Real Academia Galega de Ciencias, Facultade de Química, Avenida das Ciencias s/n. Campus Vida. 15782 Santiago de Compostela (Tfno. 981552235).
  • Os traballos que queden en segundo lugar poderán recibir unha mención especial, se o xurado así o estimase, en función da súa calidade científica e interese. Os premios poderán ser declarados desertos.

Estas bases poden consultarse en www.ragc.gal

2019  SGAPEIO   globbers joomla templates