rimeira edición dos premios Isabel Zendal de promoción do pensamento crítico en educación secundaria e bacharelato

Descrición: A Universidade da Coruña como actividade de extensión universitaria, por medio da Unidade de Divulgación Científica e Cultural e o Campus Innova, e en colaboración co Círculo Escéptico, coa finalidade de promover o pensamento crítico e a cultura científica, convocan a I edición dos premios ISABEL ZENDAL.
Obxecto do concurso: O concurso ten como obxectivo fomentar a práctica do escepticismo, entendido como o pensamento crítico e racional como ferramenta indispensable para a comprensión do mundo e a toma de decisións na vida diaria, especialmente entre os máis novos, albo en moitas ocasións do engano, a manipulación e a difusión de noticias e crenzas falsas. O xénero literario será o artigo periodístico, a exposición divulgativa dun experimento desenvolvido polo alumnado, o conto ou o relato curto. Os traballos integrarán os valores do pensamento escéptico e científico, a difusión do coñecemento, a ciencia e os seus métodos e a refutación das pseudociencias, así como a loita contra a difusión de enganos e noticias falsas.
Requisitos das persoas participantes: Poderá participar o alumnado escolarizado en centros educativos españois entre 1º de educación secundaria obrigatoria e 2º de bacharelato. Establécense dúas categorías de participación: (i) categoría A, para o alumnado de 1º a 3º de educación secundaria obrigatoria e FP básica; (ii) categoría B, para o alumnado de 4º de educación secundaria obrigatoria a 2º de bacharelato e dos ciclos formativos de grao medio. As persoas participantes deberán entregar traballos individuais totalmente inéditos. Os textos poderán estar escritos en galego ou en castelán.

Criterios para conceder os premios: Cada autor ou autora poderá presentar un máximo de dúas obras que deberán ser orixinais e inéditas. Valorarase a creatividade, orixinalidade, adecuación aos valores do pensamento crítico expostos no apartado 1 e a linguaxe utilizada. Os textos non deberán conter ningún tipo de expresión non respectuosa. Os autores terán que ser propietarios dos dereitos do texto e das imaxes, ter dereito á súa explotación e respectar as condicións de uso das licenzas de uso público para evitar posibles reclamacións de terceiros.
Premios: Establécense tres premios por cada modalidade:

  • Primeiro premio: 300 euros e unha colección de libros editados polo Servizo de Publicacións da UDC.
  • Segundo premio: 200 euros e unha colección de libros editados polo Servizo de Publicacións da UDC.
  • Terceiro premio: 100 euros e unha colección de libros editados polo Servizo de Publicacións da UDC.

Os gañadores e finalistas autorizan a UDC e o Círculo Escéptico para dispor dos dereitos de reprodución e divulgación pública e farán constar en todo momento o nome dos autores, o centro de estudos e o nome do profesor ou profesora titor/a do traballo.
A entrega de premios terá lugar no Paraninfo da Universidade nunha data por determinar na segunda quincena de xuño. Os gañadores do primeiro premio de cada categoría e un dos proxenitores, o titor/a legal ou a persoa autorizada por estes serán invitados á cerimonia de entrega. O Círculo Escéptico correrá cos seus gastos de aloxamento, manutención e desprazamento desde calquera punto de España.
Solicitudes: As solicitudes presentaranse no Rexistro Electrónico da Universidade da Coruña (https://sede.udc.gal/services/telematic_register). Na solicitude do rexistro deberase incluír o nome completo da persoa participante, o DNI se o tiver, o centro educativo, o profesor ou profesora, o teléfono e correo electrónico de contacto, a localidade de residencia e o arquivo dixital que conteña o traballo. No arquivo que conteña o traballo farase constar o pseudónimo, pero ningún dato que permita identificar a persoa participante.
Formato: Os traballos presentaranse en formato dixital, en formatos odt ou pdf. O documento deberá incluír o título e o texto sen sinatura e baixo un pseudónimo, e a autoría ou fonte dos datos empregados. A extensión do texto será de entre 500 e 1000 palabras para a categoría A e de 1000 a 2000 na categoría B. Cada participante poderá presentar un máximo de 2 traballos.
Prazo de presentación das solicitudes: 10 de maio de 2019 ás 14:00 h. Os nomes das persoas gañadoras e finalistas publicaranse na páxina web da UDC.
Máis información:
https://sede.udc.gal/services/electronic_board/EXP2019/002133/document?logicalId=2fc411e1-1b93-450c-abf7-a04e71580048&documentCsv=TQS0GE48N3ESDSS3RL1FDOI2

2024  SGAPEIO   globbers joomla templates