Novas da SGAPEIO, 14 de marzo 2019

1.- Aberta a IX Convocatoria do Concurso Incubadora de Sondaxes e Experimentos para proxectos
Descrición: A Sociedade Galega para a promoción da Estatística e da Investigación de Operacións (SGAPEIO), ven de convocar o IX Concurso Incubadora de Sondaxes e Experimentos para proxectos de estatística e investigación de operacións realizados por estudantes de ESO, PCPI, Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Medio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Bases: https://sgapeio.es/descargas/formacion/Bases_IX_Incubadora.pdf
Díptico: https://sgapeio.es/descargas/formacion/diptico_IncubadoraIX.pdf
Participantes: Poden participar estudantes (matriculados en centros da Comunidade Autónoma de Galicia no curso 2018-2019) de ESO, FP Básica, Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Medio. A participación pode ser individual ou en grupo (máximo de 4 estudantes). Cada participante ou grupo deberá contar polo menos cun docente-titor do seu centro, que supervise o traballo presentado. Distínguense tres categorías:

  • Categoría A: 1º e 2º de ESO.
  • Categoría B: 3º e 4º de ESO e FP Básica.
  • Categoría C: Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Medio.

Non hai limitación de concursantes por un mesmo centro, nin de traballos titorizados por un mesmo docente. Só se permite unha participación por estudante.
Datas importantes:

  • Inscrición de traballos: dende o 18 ata o 31 de marzo de 2019.
  • Entrega dos traballos finalizados: dende o 1 ata o 14 de abril de 2019.
  • Do 13 ao 19 de maio de 2019 daranse a coñecer os traballos finalistas e a data do acto de entrega de premios.

Máis información e vídeo promocional en: https://sgapeio.es/index.php/formacion-e-actividades/premios-sgapeio/3162-ix-concurso-incubadora-de-sondaxes-e-experimentos

2.- Primeira edición dos premios Isabel Zendal de promoción do pensamento crítico en educación secundaria e bacharelato
Descrición: A Universidade da Coruña como actividade de extensión universitaria, por medio da Unidade de Divulgación Científica e Cultural e o Campus Innova, e en colaboración co Círculo Escéptico, coa finalidade de promover o pensamento crítico e a cultura científica, convocan a I edición dos premios ISABEL ZENDAL.
Obxecto do concurso: O concurso ten como obxectivo fomentar a práctica do escepticismo, entendido como o pensamento crítico e racional como ferramenta indispensable para a comprensión do mundo e a toma de decisións na vida diaria, especialmente entre os máis novos, albo en moitas ocasións do engano, a manipulación e a difusión de noticias e crenzas falsas. O xénero literario será o artigo periodístico, a exposición divulgativa dun experimento desenvolvido polo alumnado, o conto ou o relato curto. Os traballos integrarán os valores do pensamento escéptico e científico, a difusión do coñecemento, a ciencia e os seus métodos e a refutación das pseudociencias, así como a loita contra a difusión de enganos e noticias falsas.
Requisitos das persoas participantes: Poderá participar o alumnado escolarizado en centros educativos españois entre 1º de educación secundaria obrigatoria e 2º de bacharelato. Establécense dúas categorías de participación: (i) categoría A, para o alumnado de 1º a 3º de educación secundaria obrigatoria e FP básica; (ii) categoría B, para o alumnado de 4º de educación secundaria obrigatoria a 2º de bacharelato e dos ciclos formativos de grao medio. As persoas participantes deberán entregar traballos individuais totalmente inéditos. Os textos poderán estar escritos en galego ou en castelán.

Criterios para conceder os premios: Cada autor ou autora poderá presentar un máximo de dúas obras que deberán ser orixinais e inéditas. Valorarase a creatividade, orixinalidade, adecuación aos valores do pensamento crítico expostos no apartado 1 e a linguaxe utilizada. Os textos non deberán conter ningún tipo de expresión non respectuosa. Os autores terán que ser propietarios dos dereitos do texto e das imaxes, ter dereito á súa explotación e respectar as condicións de uso das licenzas de uso público para evitar posibles reclamacións de terceiros.
Premios: Establécense tres premios por cada modalidade:

  • Primeiro premio: 300 euros e unha colección de libros editados polo Servizo de Publicacións da UDC.
  • Segundo premio: 200 euros e unha colección de libros editados polo Servizo de Publicacións da UDC.
  • Terceiro premio: 100 euros e unha colección de libros editados polo Servizo de Publicacións da UDC.

Os gañadores e finalistas autorizan a UDC e o Círculo Escéptico para dispor dos dereitos de reprodución e divulgación pública e farán constar en todo momento o nome dos autores, o centro de estudos e o nome do profesor ou profesora titor/a do traballo.
A entrega de premios terá lugar no Paraninfo da Universidade nunha data por determinar na segunda quincena de xuño. Os gañadores do primeiro premio de cada categoría e un dos proxenitores, o titor/a legal ou a persoa autorizada por estes serán invitados á cerimonia de entrega. O Círculo Escéptico correrá cos seus gastos de aloxamento, manutención e desprazamento desde calquera punto de España.
Solicitudes: As solicitudes presentaranse no Rexistro Electrónico da Universidade da Coruña (https://sede.udc.gal/services/telematic_register). Na solicitude do rexistro deberase incluír o nome completo da persoa participante, o DNI se o tiver, o centro educativo, o profesor ou profesora, o teléfono e correo electrónico de contacto, a localidade de residencia e o arquivo dixital que conteña o traballo. No arquivo que conteña o traballo farase constar o pseudónimo, pero ningún dato que permita identificar a persoa participante.
Formato: Os traballos presentaranse en formato dixital, en formatos odt ou pdf. O documento deberá incluír o título e o texto sen sinatura e baixo un pseudónimo, e a autoría ou fonte dos datos empregados. A extensión do texto será de entre 500 e 1000 palabras para a categoría A e de 1000 a 2000 na categoría B. Cada participante poderá presentar un máximo de 2 traballos.
Prazo de presentación das solicitudes: 10 de maio de 2019 ás 14:00 h. Os nomes das persoas gañadoras e finalistas publicaranse na páxina web da UDC.
Máis información:
https://sede.udc.gal/services/electronic_board/EXP2019/002133/document?logicalId=2fc411e1-1b93-450c-abf7-a04e71580048&documentCsv=TQS0GE48N3ESDSS3RL1FDOI2

3.- Premio Math-in|Repsol a teses de doutoramento
Descrición: A Red Española Matemática-Industria (Math-in) e Repsol comprácense en anunciar a primeira edición do Premio Math-in|Repsol para distinguir unha tese de doutoramento de carácter excepcional. O premio entregarase ao abeiro do próximo congreso CTMI 2019, que terá lugar en Santiago de Compostela entre o 22 e o 24 de xullo. Para a súa concesión, terase en conta a novidade do proxecto, a tecnoloxía xerada no seu traballo, o desenvolvemento e uso de ferramentas matemáticas novas, así como os beneficios obtidos pola empresa. Terán prioridade aqueles traballos que se desenvolvan no sector da enerxía.
Solicitudes: As solicitudes terán que ser enviadas á dirección Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., co título MATH-IN AWARDS: PhD MATH-IN AWARDS_ 2019, antes do 30 de marzo de 2019.

Premio: O premio inclúe un Certificado de Premio, un premio monetario de 1,500 € e o custo da inscrición no congreso. Tamén inclúe unha invitación para realizar unha estancia no edificio de I+D de Repsol en Móstoles (Madrid) durante tres meses, incluíndo a axuda correspondente para manutención.
Máis información:
http://www.itmati.com/ctmi2019/sites/itmati.com.ctmi2019/files/AwardsCallmath-in_Repsol2019.pdf

4.- Inscrición aberta no Mestrado Europeo en Saúde Pública
Descrición: O Mestrado Europeo en Saúde Pública EUROPUBHEALTH+ ofrece unha interesante oportunidade de formación en Saúde Pública, incluíndo campos como a bioestatística. Europubhealth+ é un Máster Erasmus Mundus de titulación conxunta impartido por seis universidades europeas.
Requisitos: licenciatura (ou un equivalente recoñecido) en medicina ou ciencias da saúde (medicina, enfermería, farmacia, veterinaria, bioloxía), ciencias sociais (socioloxía, economía, psicoloxía, antropoloxía, xeografía, dereito, ciencias políticas) ou enxeñaría.
Presentación de solicitudes: antes do 7 de maio de 2019.
Máis información: www.europubhealth.org.

5.- Curso de control estatístico da calidade
Descrición: Ata o 25 de marzo está aberta a inscrición no Curso de Formación da Universidade de Vigo “Control Estatístico da Calidade con R”. O curso, totalmente non presencial, comeza o 1 de abril de 2019 e durará un mes, cunha dedicación media aproximada dunha hora diaria en horario libre, e está dirixido a enxeñeiros, profesionais do control da calidade, estatísticos, e persoas interesadas no programa R ou no control de calidade. Importe da matrícula 125 euros (parados/estudantes 90 euros).
O programa estatístico “ R” é completamente gratuíto e pódese instalar en calquera computador e sistema operativo. A comunidade estatística mundial colabora de forma desinteresada con R Project, e miles de investigadores achegan constantemente rutinas e utilidades; actualmente R é o programa estatístico máis potente e versátil, con moita diferenza sobre calquera outro. As técnicas de control de calidade utilizan xeralmente gráficos, e R é tamén o programa estatístico con maior potencia de gráficos.
Este curso inclúe unha breve introdución ao programa R (instalación e primeiros pasos) e as técnicas estatísticas de control da calidade máis utilizadas (Metodoloxía 6 Sigma. Diagramas de Ishikawa e de Pareto. Mostraxe de aceptación. Deseño de plans de mostraxe simples e complexos. O erro de medida, MSA tipo I e tipo II. Índices de capacidade de proceso. Gráficos de control de Shewhart. CUSUM. EWMA. Deseños factoriais. Deseños de mesturas. Deseños Taguchi), con datos e exemplos paso a paso, alcanzables para usuarios non expertos. Non é imprescindible ter un nivel elevado de Estatística ou coñecer previamente o programa R, aínda que eses coñecementos poden aumentar o rendemento do alumno.
O curso é eminentemente práctico e aplicado, e realizarase de forma virtual mediante secuenciación das unidades didácticas a través de Faitic, a plataforma de teledocencia da Universidade de Vigo. O alumno pode elixir o día e hora de acceso aos materiais docentes, debendo unicamente cumprir cos prazos de envío de informes de prácticas e cuestionarios de avaliación.
Máis información e inscrición en: https://bubela.uvigo.es/curso/3452

6.- Escola de Verán en Estatística Avanzada e Minería de Datos da UPM
24 de xuño de 2019 – 5 de xullo de 2019
Boadilla del Monte, España
Descrición: A Universidad Politécnica de Madrid (UPM) organiza novamente a Escola de Verán en Estatística Avanzada e Minería de Datos. Levarase a cabo en Boadilla del Monte, preto de Madrid, desde o 24 de xuño ao 5 de xullo. Este ano a edición comprende 12 cursos longos (15 horas cada un), impartidos durante dúas semanas (seis cursos cada semana). Os interesados poden rexistrarse en cada curso de xeito independente.
Máis información: http://www.dia.fi.upm.es/ASDM

7.- The International Conference on Computational Finance 2019
8 de xullo de 2019 – 12 de xullo de 2019
A Coruña, España
Descrición: The International Conference on Computational Finance 2019 (ICCF2019) é un congreso internacional organizado pola Universidade da Coruña, sendo o terceiro dunha serie bianual de congresos enfocados no sector das Finanzas Computacionais e impulsadas polo consorcio do proxecto europeo FP 7 Marie Curie ITN STRIKE- Novel Methods in Computational Finance 2013-2016. As edicións anteriores tiveron lugar en 2015 na University of Greenwich e 2017 na Universidade de Lisboa. O ICCF2019 céntrase na investigación e as aplicacións das matemáticas financeiras e computacionais, de feito preténdese dar un marco para o comezo e desnvolvemento de colaboracións entre a academia e o sector financeiro, sendo por tanto benvidos todos os académicos e profesionais da industria e das finanzas.
Máis información: http://iccf2019.udc.es/

8- IV Xornadas Científicas de Estudantes da Sociedad Española de Biometría
5 de setembro de 2019 – 6 de setembro de 2019
Albacete, España
Descrición: As IV Xornadas Científicas de Estudantes da Sociedad Española de Biometría (SEB), celebraranse na Escola Politécnica Superior do Campus de Albacete da Universidade de Castela-A Mancha os días 5 e 6 de setembro de 2019. Desde o 19 de Febreiro e ata o 24 de Xuño é posible enviar resumos para asistir ás Xornadas. Para iso, só hai que descargar o modelo dispoñible na páxina web das Xornadas (http://www.biometricsociety.net/iv-jseb), incluír o resumo do traballo que se quere presentar e envialo por correo electrónico (Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.) especificando se se prefire unha presentación oral ou en formato póster. Se es membro estudante da SEB, lembra que a asistencia as Xornadas é totalmente gratuíta.
Máis información: http://www.biometricsociety.net/iv-jseb/

9.- Contrato de postdoutoramento na Universidade de Navarra
Descrición: A Universidade Pública de Navarra oferta contratos de postdoutoramento dentro da convocatoria 2019 de axudas para a Captación de Talento adscritas aos Institutos de Investigación. Estas axudas teñen como finalidade reforzar e consolidar a actividade investigadora dos Institutos de Investigación Están dirixidas a investigadores con experiencia de postdoutoramento acreditada de, polo menos, dous anos.
En concreto ofértanse dúas axudas de postdoutoramento adscritas ao Instituto INAMAT (www.unavarra.es/inamat) aliñadas coas tres principais liñas de investigación do Instituto:

  • Materiais intelixentes e recubrimientos funcionais.
  • Aplicacións de nanotecnoloxía e caracterización de materiais.
  • Ciencia de datos e modelado matemático

Condicións:

  • A duración dos contratos será de dous anos.
  • A dotación do contrato será de 31.200 euros brutos anuais que corresponden a 12 mensualidades de 2.600 euros brutos (desta dotación mensual deducirase a cota de cotización obrigatoria). Ademais proporcionarase unha bolsa económica máxima de 7.350 euros para o financiamento de viaxes a conferencias/congresos de investigación que teñan como fin a divulgación das súas actividades e compra de material inventariable e funxible.


Contacto: Lola Ugarte, Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

2024  SGAPEIO   globbers joomla templates