Para participar nos obradoiros é imprescindible estar inscrito no congreso.
Os obradoiros farán uso do programa estatístico "R", que é completamente gratuíto e se pode instalar en calquers ordenador e sistema operativo. R convertiuse en poucos anos no programa estatístico de uso xeral máis potente e versátil, con gran diferenza sobre calquera outro programa existente (incluídos os de custo elevado, coma SPSS, STATISTICA, SAS etc.). R é tamén o programa estatístico con maior potencia de gráficos.
Os obradoiros realizaranse nunha aula de informática, polo que haberá dispoñibles equipos co software R instalado. Aqueles asistentes que o desexen poderán realizar o obradoiro nos seus ordenadores persoais, nese caso será imprescindible que instalen previamente o programa.
Aínda que a sesión do sábado dos dous obradoiros se imparte de xeito simultáneo, cabe a posibilidade de realizar ambos, xa que para certificar a realización do obradoiro de minería de datos é necesario que se superen as diferentes avaliacións que se realizan no curso en liña e non é imprescindible polo tanto a asistencia á última sesión presencial durante o congreso.
O número de prazas dispoñibles para cada obradoiro é de 30 e o prazo para inscribirse nos mesmos remata o 15 de setembro. O obradoiro de minería de datos ten un custo de 20€ e o obradoiro de gráficos en R é gratuíto.
Este obradoiro terá unha duración de 32 horas e realizarase en liña do 1 ao 25 de outubro (30 horas), sendo a última sesión do mesmo presencial (2 horas) o sábado 26 de outubro.
Impartido por María del Carmen Iglesias Pérez (Universidade de Vigo), Ricardo Luaces Pazos (Universidade de Vigo) e Antonio Vaamonde Liste (Universidade de Vigo).
O curso inclúe unha breve introdución ao programa R e ás técnicas estatísticas de Minería de Datos máis empregadas, cun enfoque práctico e aplicado. Para cada técnica explícase o seu principio estatístico de funcionamento, o algoritmo, as condicións da súa aplicación e a interpretación correcta dos resultados, de forma que o alumno poida adquirir a competencia de empregalos cos seus propios datos. Para todos os métodos explícase a súa aplicación paso a paso co programa R con datos de exemplo axeitados, e o alumno debe realizar a continuación de forma autónoma unha tarefa de aplicación similar.
Este obradoiro terá unha única sesión de 2 horas de duración o sábado 26 de outubro.
Impartido por Javier Tarrío Saavedra (Universidade da Coruña)
1. Visualización de datos con ggplot2.
2. Gráficos interactivos.
3. Representación de "heatmaps" con iheatmapr e redes con visNetwork.