ÚLTIMAS NOVAS
Acceso socios
XV Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións | Cuarta Circular
XV Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións.
- Datas: do 4 ao 6 de novembro de 2021.
- Organizado por: Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da Universidade de Santiago de Compostela.
Como foi anunciado na primeira circular, os días 4, 5 e 6 de novembro do ano 2021 celebrarase en Santiago de Compostela o XV Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións.
Nesta cuarta circular informamos de que foi ampliado o prazo para o envío de comunicacións ata o 27 de xullo de 2021. Animámosvos a presentar os vosos traballos ao congreso.
Ademais, xa están confirmados/as os/as conferenciantes plenarios/as:
Graciela Boente Boente Universidad de Buenos Aires (Argentina).
Graciela Boente é profesora na Universidade de Buenos Aires e investigadora do Consello Nacional de Investigacións Científicas e Técnicas de Arxentina. Desenvolveu as súas tarefas de investigación en Estatística Matemática, principalmente na área da robustez e en temas como regresión non paramétrica e semiparamétrica, análise de datos multivariantes e de datos funcionais; campos nos cales desenvolveu e estudou diversos procedementos robustos. Publicou máis de 90 traballos en revistas científicas. É Fellow do Institute of Mathematical Statistics desde 2013 e membro da Academia Nacional de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais da Arxentina desde 2019.
Pedro Galeano San Miguel Universidad Carlos III de Madrid
Pedro Galeano é Profesor Titular do Departamento de Estatística da Universidad Carlos III de Madrid (UC3M). É Licenciado en Ciencias Matemáticas pola Universidade Autónoma de Madrid (UAM) e Doutor en Enxeñería Matemática pola UC3M. Foi Profesor Axudante no Departamento de Estatística da UC3M, Investigador Postdoutoral Parga Pondal no Departamento de Estatística e Investigación Operativa da Universidade de Santiago de Compostela e Profesor Visitante de Estatística e Econometría na Graduate School of Business da Universidade de Chicago. Ocupou os cargos de Secretario Académico do Departamento de Estatística da UC3M e do Instituto UC3M-Santander en Big Data, ademais de Director do Máster en Big Data Analytics da UC3M. É Editor Asociado do Journal of Estafe Series Analysis e Advisory Board Member de Heliyon. Obtivo o Premio de Excelencia para Mozos Investigadores do Consello Social da UC3 M no ano 2014. Publicou ao redor de 40 artigos en revistas tales como Journal of the American Statistical Association, Journal of Econometrics, Journal of Business and Economic Statistics, Journal of Financial Econometrics, Technometrics, Journal of Multivariate Analysis, Computational Statistics and Data Analysis, International Statistical Review, European Journal of Operational Research e Test, entre outras.
Thomas Kneib University of Göttingen
Thomas Kneib é profesor de estatística na Universidade de Göttingen, Alemaña, onde é presidente do Centro interdisciplinario de estatística e vicepresidente do Campus Institute Data Science. Doutorouse en Estatística na LMU de Múnic e, durante a súa fase PostDoc, foi profesor visitante de estatística aplicada na Universidade de Ulm e profesor substituto de estatística na Universidade de Göttingen. Desde 2009 ata 2011 foi profesor de estatística aplicada na Universidade Carl von Ossietzky de Oldemburgo. As súas liñas principais de investigación inclúen a regresión semiparamétrica, a estatística espacial e a regresión baseada na función de distribución condicional.
Marina Pollán Santamaría Instituto de Salud Carlos III
Marina Pollán é directora do Centro Nacional de Epidemiología, pertencente ao Instituto de Salud Carlos III. É investigadora principal de numerosos estudos relacionados xeralmente co cancro de mama e membro do grupo GEICAM (Grupo Español de Investigación en Cáncer de Mama). O seu equipo recibiu o primeiro premio da AECC polo proxecto «Estilos de vida y cáncer de mama». Publicou mais de 300 artigos científicos (índice H=33), colaborando con investigadores de distintos ámbitos (biólogos moleculares, xenetistas, oncólogos, patólogos, cirurxiáns), ademais de traballar con profesionais da saúde pública no ámbito da epidemioloxía e o control do cancro. Tamén estivo involucrada en actividades divulgativas dirixidas a trasladar á poboación xeral o coñecemento existente sobre a situación do cancro e os seus principais factores de risco.
Agardamos a vosa participación.
O comité organizador,
XV Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións