ÚLTIMAS NOVAS
Acceso socios
Manifesto a prol da alfabetización estatística
Digamos abondo ao analfabetismo estatístico!
A nosa sociedade enfróntase a un fluxo constante de información estatística procedente de noticias, informes de xestión, campañas sanitarias, publicidade ou debates políticos, entre outros. Ante esta proliferación de datos e cifras, facémonos as seguintes preguntas:
- Estamos suficientemente preparados para comprender, razoar e avaliar a información estatística que nos proporcionan?
- Recibimos formación suficiente en estatística para tomar decisións de forma informada e correcta?
- As administracións, empresas e organizacións utilizan os datos seguindo principios éticos?
A nosa experiencia como profesionais, investigadores e docentes no ámbito da estatística dinos que non e, por iso, promovemos este manifesto a prol da alfabetización estatística.
Manifesto a prol da alfabetización estatística
A alfabetización estatística é o conxunto de habilidades e coñecementos que permite comprender e utilizar a información estatística e o sentido estocástico de forma eficaz. Este conxunto de habilidades e coñecementos atinxe dous aspectos fundamentais, o razoamento e o pensamento estatístico, que indican a forma na que as persoas analizan e comprenden un mundo complexo, sintetizado a través de datos, e tendo en conta a incerteza asociada a un coñecemento parcial.
As necesidades dunha correcta alfabetización estatística pódense resumir nos seguintes puntos:
- Toma de decisións: o coñecemento estatístico e o sentido estocástico permiten á cidadanía tomar decisións informadas en diferentes ámbitos da vida, como a saúde, a educación, o cambio climático, a economía ou a política. Sen habilidades estatísticas, a xente queda exposta á desinformación, a despropósitos ou á manipulación.
- O crecemento da información estatística: Na sociedade actual a información estatística é omnipresente, xa sexa nas noticias, nos balances das empresas, nos informes médicos ou nas redes sociais. Isto fai imprescindible contar con alfabetización estatística para poder interpretar e utilizar adecuadamente esta información. As habilidades estatísticas fomentan o pensamento crítico e protexen ás persoas de noticias falsas e enganos.
- O desenvolvemento das novas tecnoloxías con pensamento e razoamento estatístico: as novas tecnoloxías permitiron que a información e os datos sexan máis accesibles e manexables que nunca. Isto fai imprescindible contar cunha preparación estatística para poder aproveitar ao máximo as oportunidades e o alcance que ofrecen estas novas tecnoloxías. Ademais, a sociedade actual atópase xa ante unha das maiores revolucións tecnolóxicas da nosa historia: a Intelixencia Artificial, que precisa da alfabetización estatística para comprender o seu alcance.
Por iso, convidamos as institucións educativas, as administracións e o poder lexislativo a abordar as deficiencias nas competencias estatísticas e poñer en marcha medidas que eviten a aparición de novos colectivos vulnerables en materia de analfabetismo estatístico. Para iso propoñemos o seguinte decálogo:
- Promover e introducir a alfabetización estatística e o sentido estocástico como parte das materias de educación infantil, primaria, secundaria e universitaria, adaptando e ampliando as "Directrices para a Avaliación e Instrucción en Educación Estadística" (GAISE) elaboradas pola American Statistical Association. Impulsando tamén os posgraos, mestrados e doutoramentos en alfabetización estatística.
- Promover a alfabetización estatística e o sentido estocástico da sociedade facendo que o material informativo sexa accesible a todos, independentemente do seu nivel educativo ou das súas capacidades. As persoas que teñen esta competencia están mellor preparadas para adaptarse aos cambios e innovar no seu ámbito de actuación.
- Realizar campañas de sensibilización sobre alfabetización estatística para a cidadanía nos medios de comunicación públicos.
- Fomentar a colaboración entre institucións e profesionais da estatística para garantir a fiabilidade dos datos e o seu correcto uso.
- Incorporar información estatística verificada na toma de decisións políticas, sociais e empresariais de forma imparcial.
- Promover o uso ético da estatística para favorecer a transparencia e a responsabilidade no uso dos datos.
- Mellorar a comunicación dos datos estatísticos públicos para facelos máis comprensibles e accesibles, evitando así posibles manipulacións.
- Facilitar o acceso a bases de datos públicas con fins de investigación que beneficien á sociedade, e promover a reproducibilidade como soporte do método científico.
- Promover o acceso aberto á información estatística.
- Promover e apoiar a creación de grupos de profesionais da alfabetización estatística que asesoren a diferentes institucións.
Este decálogo facilitará o cambio necesario para mellorar a alfabetización estatística da nosa sociedade, como parte da campaña da comunidade internacional para educar estatisticamente o mundo.
Dixo H.G Wells: "O pensamento estatístico será algún día tan necesario para unha cidadanía eficiente como a capacidade de ler ou escribir" E este día chegou!