Procura de candidatos para contrato FPI

O grupo de investigación Modelización, Optimización e Inferencia Estatística (MODES) da Universidade da Coruña está a buscar estudantes de doutoramento para un contrato FPI asociado ao proxecto de investigación OPTIMIZACIÓN, APRENDIZAXE E COOPERACIÓN CON APLICACIÓNS EN LOXÍSTICA (PID2021-124030NB-C31) financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación do Goberno de España. O prazo de solicitudes para a convocatoria de contratos FPI termina o 26 de xaneiro de 2023 ás 14.00 horas. Pode atoparse máis información sobre a convocatoria oficial na ligazón seguinte:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/ge/es/convocatoria/662389

Para máis detalles sobre o proxecto de investigación pode contactarse cos seus investigadores principais: Ignacio García Xurado (Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.) ou Silvia Lorenzo (Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.). En todo caso, é importante sinalar que o proxecto PID2021-124030NB-C31 enmárcase dentro dun proxecto coordinado no que tamén participan investigadores do grupo MODESTYA da Universidade de Santiago de Compostela e do grupo SiDOR da Universidade de Vigo.

O perfil requirido é o de graduado, licenciado ou enxeñeiro con sólida formación en matemáticas (preferiblemente con orientación en estatística e investigación operativa), con título de máster ou próximo a terminalo e con bo expediente académico. É necesario estar en condicións de matricularse nun programa de doutoramento ao longo do curso 2022-2023. O doutorando formarase en aspectos metodolóxicos e aplicados no ámbito da optimización ou a teoría de xogos, podendo tamén incorporarse a algúns dos traballos de investigación que os grupos MODES, MODESTYA e SiDOR realizan en colaboración con empresas. No marco da tese tamén levarán a cabo colaboracións con outros grupos españois e estranxeiros. Tanto MODES como MODESTYA e SiDOR foron recoñecidos como grupos de referencia competitiva da Xunta de Galicia.

2024  SGAPEIO   globbers joomla templates